26/5/09

Administración Electrónica

Internet ofrécenos unha nova vía de comunicación coas administracións de xeito que podemos realizar moitos trámites e xestións directamente dende a nosa casa, aforrando tempo e desprazamentos. Cada día que pasa novos organismos ofrecen este tipo de servizos telemáticos aos cidadáns facilitando,por unha banda, as relacións coa administración e permitindo, por outra, desconxestionar as oficinas "físicas" de forma que os usuarios obteñan unha mellor atención.

O maior inconveniente ao que se enfrenta a administración á hora de incrementar os servizos online é a autentificación do usuario, de forma que non exista a posibilidade de usar fraudulentamente estes datos. Ata hai ben pouco a autentificación facíase únicamente introducindo os datos dun documento oficial (número do DNI, número da seguridade social, etc); na actualidade téndese a utilizar medios electrónicos que garantan que ninguén suplante a nosa identidade neste tipo de trámites.

A ferramenta elixida pola Administración Xeral do Estado para autentificar as xestións con organismos oficiais a través de internet foi o DNI electrónico (DNIe). O DNIe é un novo modelo de DNI que leva incorporado un chip no que se almacena información que identifica a cada cidadán de forma electrónica. Este novo documento é unha tarxeta de plástico na que figura impresa a información que tradicionalmente contiña o DNI e, a maiores, presenta integrado un circuito electrónico encargado do almacenamento e procesado de información. Dende o ano 2007 a toda persoa que acude a renovar o DNI se lle expide o novo documento electrónico (aos que non lle toque renovalo poden solicitar o DNIe nas oficinas da Policía Nacional).


O DNIe permite:
  • Acreditar electrónicamente a identidade dunha persoa.
  • Firmar dixitalmente documentos dixitais con plena validez xurídica (equivalente á firma manuscrita).
A medida que este documento electrónico se vaia implantando na sociedade (e nas administracións) poderémolo utilizar para:
  • Realizar todo tipo de trámites coa administración.
  • Facer transaccións bancarias e compras a través de internet de forma segura.
  • Acceso a edificios e instalacións nas que se requira a nosa identificación.
  • Etc.
Eu xa teño un DNIe, como o podo utilizar?

Unha vez que temos o DNIe (con microchip) para utilizalo necesitamos:
  • Solicitar un código PIN (este código pode solicitarse nas oficinas nas que se expide o DNIe)
  • Un ordenador persoal con conexión a internet (algúns caixeiros de bancos tamén permiten operar co DNIe)
  • Un lector de tarxetas intelixentes (smartcards) que cumpla co estándar ISO-7816 (coma as que teñen incorporadas os teclados dos ordenadores da aula de informática ou lectores de tarxetas intelixentes USB que venden en moitas tendas de informática [véxase como exemplo aquí]
  • Software axeitado para xestionar o DNIe (podémolo descargar aquí)


A día de hoxe, que trámites podo realizar co meu DNIe?


Cada vez son máis as xestións que se poden facer online empregando o DNIe como solicitar que che envíen as notificacións das multas de tráfico ao teu email, solicitar unha prestación por desemprego no INEM, reclamar unha indemnización, etc.

Para obter máis información sobre o DNIe e os servizos ós que podemos acceder utilizándoo visita a web www.dnielectronico.es.

Todos os trámites coa administración precisan do DNIe?

Non. É moi probable que moitos de vós solicitásedes algunha vez cita para o médico de cabeceira a través de internet ou que os vosos pais solicitasen o borrador da declaración de facenda vía web. Para realizar estes e moitos outros trámites non é necesario utilizar o DNIe senón que basta co número do DNI, da seguridade social ou outros datos para ter acceso. Esta situación mantense así porque moitos cidadáns aínda non dispoñen do DNIe (a súa implantación é relativamente recente) ou ben porque son trámites que non entrañan demasiado risco en casode suplantación de identidade. Esto non quita para que nuns anos a maior parte dos trámites (entrañen risco ou non) requiran a utilización do DNIe.


No hay comentarios: