23/11/08

Os Wikis

O termo wiki fai referencia a páxinas web elaboradas por múltiples usuarios (webs colaborativas), nas que calquera persoa pode participar visitando, creando, modificando ou eliminando os artigos publicados. Son un exemplo da web 2.0 elevado ó seu máximo expoñente.

Unha das maiores vantaxes dos wikis supón, tamén, o maior dos seus inconvenientes: permite crear colectivamente documentos, e publicalos, sen que previamente se realice unha validación do contido. Este feito require a existencia de sistemas de control que garantan a veracidade do publicado.

O exemplo máis coñecido de wiki é a Wikipedia (é o wiki con maior impacto na internet), que se define como unha enciclopedia libre e plurilingüe baseada na colaboración dos seus contribuíntes por medio da tecnoloxía wiki. Entre outras wikis menos coñecidas, podemos citar Wikcionario (diccionarios en distintas linguas creados e editados por internautas), Wikilibros (colección de libros de texto de contido libre), Wikilengua (wiki para resolver dúbidas do uso do castelán), etc.

Existen diferentes páxinas web que nos permiten a posibilidade de crear un wiki personalizado, por exemplo : wikispaces e wikia.

A Wikipedia

A wikipedia é unha enciclopedia de contido libre que todos poden editar, posibilitando unha actualización permanente e o incremento constante da cantidade de artigos.



A wikipedia presenta versións en diferentes linguas, entre os que está versión en galego: a Galipedia. O número de artigos das diferentes versións é moi diferente, xa que non se fai unha tradución automática dun idioma a outro, senón que se trata de artigos diferentes, publicados normalmente por distintas persoas.

En moitas ocasións os artigos poden presentar datos incorrectos (introducidos deliberadamente ou non), opinións persoais (non permitidas), incoherencias, erros na forma do artigo (libro de estilo)... etc, polo que existen unha serie de usuarios, denominados administradores, que velan polo correcto uso da wikipedia, podendo eliminar os artigos publicados e bloquear a conta dun usuario concreto.

Existen unha serie de normas que garanten o correcto funcionamento da wikipedia, os cinco piares fundamentais destas normas son:

  • A wikipedia é unha enciclopedia.
  • A wikipedia procura o punto de vista neutral.
  • A wikipedia é unha enciclopedia de contido libre.
  • A wikipedia posúe unhas normas de conduta.
  • A wikipedia non ten regras fixas.


Actividades IV: A Wikipedia

  • Rexístrate na Galipedia empregando a túa conta de GMail.
  • Crea un artigo (pódeste valer do seguinte Tutorial), preferentemente fai unha entrada relacionada con Ferrol que non se atope na wikipedia en galego (un edificio público, unha institución, unha praza, un monumento, un barrio, unha praia, etc).
  • Publica no teu blog unha entrada que faga referencia ó artigo que creaches na wikipedia (debe conter un enlace ó mesmo).

Lista de música personalizada no teu blog

Como vexo que en moitos dos vosos blogs falades asiduamente de música, vou introducir un tutorial no que se explica como introducir unha lista de reprodución das vosas cancións favoritas.

Para introducir este gadget é necesario, en primeiro lugar, ter unha conta nunha páxina web que permita crear listas de reprodución online. Como os procedementos para inserir a lista van a depender da páxina web empregada (e non vou a explicar como facelo en cada caso) imos tomar como referencia a web imeem.

Imeem é un sitio web de interacción social no que os usuarios interactúan compartindo todo tipo de contido dixital (fotos, vídeos, música...). Unha das utilidades máis destacadas desta web é a posibilidade de crear listas de reprodución da túa música favorita; estas listas pódense xerar a partir da música compartida por outros usuarios, ou ben subindo á paxina as túas cancións (que serán compartidas co resto de usuarios). Para poder crear listas de reprodución é necesario rexistrarse na web, para o que únicamente é preciso unha conta de correo electrónico.

Unha vez rexistrados pinchamos, dende a páxina principal de imeem, en My Home e, a continuación, en Create. Como resultado aparecerá a seguinte páxina:



Os pasos para crear unha lista de reprodución (playlist) son os seguintes:
  • Facemos click sobre o cartafol que leva o noso nome de usuario (pincha sobre o triángulo) para despregar o contido do mesmo.
  • Pinchamos sobre a icona "New" que aparece na esquina inferior esquerda. Como consecuencia aparecerá unha ventá emerxente que nos pide o nome da lista e unha breve descripción da mesma (podes indicar o xénero musical, o criterio en base a cal están escolleitas...).
  • Agora xa podemos comezar a introducir cancións á nosa lista. Podemos proceder de dúas formas distintas:
  1. Buscar cancións compartidas por outros usuarios. Pinchamos en "search" (situado no menú da esquerda) e introducimos o nome do grupo ou o título da canción a buscar. Da lista que apareza pinchamos sobre o título seleccinado e, sen soltar, arrastramos o arquivo cara a nosa lista (situada no menú da esquerda, dentro cartafol que leva o noso nome).
  2. Subir cancións á web. Pinchamos en "Upload" (situado na esquina inferior dereita). Apareceranos unha ventá emerxente que nos permite explorar o noso ordenador na procura do arquivo desexado. As cancións subidas aparecerán no menú do noso cartafol (menú da esquerda) dentro do submenú "uploaded". Agora xá soamente nos queda pinchar enriba do título desexado e arrastrar cara a nosa lista (de forma análoga ó exeplicado no punto 1.)
  • Unha vez creada a nosa lista, pinchamos co botón secundario sobre a mesma e seleccionamos "View Playlist" co que aparecerá a seguinte ventá:



  • Se queres que a lista de reprodución se execute de forma aleatoria e se inicie automáticamente ó entrar no blog marca os recadros "Shuffle" e "Auto Playlist" respectivamente.
  • Para finalizar copiamos o código html que aparece no recadro embed (da mesma forma que facíamos cos vídeos de youtube). Este texto que acabamos de copiar, temos que pegalo no contido dun gadget "Html/javascript" que debemos introducir no noso blog.
  • O resultado final sería igual ó que aparece no gadget engadido ó final deste blog.


[Uns meses despois de publicar esta entrada, imeem limitou a duración das cancións das listas de reprodución, polo que agora só se poden escoitar 30 segundos das mesmas]

19/11/08

Os Podcast

Un podcast é un documento sonoro creado para ser publicado na internet e, así, alcanzar unha maior difusión. Na maior parte dos casos trátase dun arquivo en formato .mp3.

Existen numerosos programas que nos permiten a creación dun documento sonoro fácilmente, polo que calquera persoa con acceso a internet e un ordenador con micrófono pode crear e publicar podcasts; esta práctica vense a denominar podcasting.

O podcasting non está restrinxido únicamente a páxinas web e blogs persoais senón que, hoxe en día, a maioría das emisoras de radio publican parte (ou a totalidade) dos seus programas radiofónicos a través das súas páxinas web. Este tipo de tecnoloxías permítenos o acceso ó noso programa favorito en calquera parte do mundo e en calquera momento. O único pero que lle podemos poñer é que non se pode acceder aos programas emitidos en directo, senón que éstes súbense á internet "a posteriori".

As páxinas web que publican podcast indícano mediante as seguintes iconas (aínda que éstas non se empregan de forma tan xeralizada coma as dos RSS)

.

Como subscribirse ós podcast publicados por unha emisora de radio.

O procedemento é moi sinxelo (case idéntico á sindicación de contidos RSS).

  • En primeiro lugar temos que engadir o gadget Feed (o mesmo que empregábamos para a sindicación de contidos).
  • Na dirección URL que nos pide este gadget imos a pegar, posteriormente, a dirección do podcast ó que nos queremos subscribir. Imos poñer como exemplo un programa da CADENA SER .
  • Cando accedemos á páxina web desta emisora, na portada aparece un acceso directo ós podcast (esquina superior dereita á altura das novas de última hora). Ó pinchar neste acceso, lévanos a unha páxina web na que aparecen listados os diferentes programas e, debaixo de cada un, unha dirección URL.
  • Neste caso, eu copiei a dirección do programa "SER Digital" (no que se comentan novas relacionadas co mundo das TIC).
  • Por último, volvemos ó gadget Feed (que estabamos a configurar) e pegamos a dirección URL e aceptamos.
  • O resultado final é o novo acceso que aparece no menú lateral do blog: SER Digital. (Pincha nel para escoitar o podcast).


Actividade III: Os Podcast

  • Insire no teu blog un podcast de algunha emisora de radio valéndote da explicación anterior.

18/11/08

Sindicación de contidos (II)

Onte explicamos a subscripción ós contidos publicados no xornal EL PAÍS pero, en función dos diferentes xornais ou revistas dixitais, o método pode variar. A continuación describiremos como sindicarnos ós contidos publicados no xornal EL MUNDO.

(A medida que xurdan novas dificultades na sindicación iremos ampliando a lista)

Subscripción ós contidos (RSS) publicados en EL MUNDO.

  • Unha vez que accedemos ó xornal EL MUNDO atopamos na páxina inicial (á altura da barra de búsquedas) a icona de sindicación de contidos:
  • Ó pinchar na icona rediríxenos á paxina de contidos RSS e Podcasts, na que podemos seleccionar a sección á que nos queremos sindicar.
  • Situamos o rato enriba da icona RSS da sección elexida (neste exemplo CIENCIA/TECNOLOXÍA) e pinchamos co botón secundario.
  • Por último copiamos a ruta do enlace.
  • Esta dirección que acabamos de copiar debémola engadir na ruta URL que nos pide ó engadir o gadget Feed (o da sindicación de contidos). Este último paso é análogo ó explicado na entrada anterior.

17/11/08

Engadindo Gadgets ó noso Blog

Os gadgets ou widgets son aplicacións que van a dotar dalgún tipo de ferramentas ou utilidades ó noso blog. O editor de deseño de Blogger vainos permitir engadir unha serie de gadgets moi útiles, entre os que podemos destacar:
  • Lista de blogs: permite amosar unha lista dos nosos blogs favoritos.
  • Lista de enlaces: engade unha lista das nosas páxinas web favoritas ou de páxinas webs relacionadas cos temas que tratamos.
  • Etiquetas: fai un listado das etiquetas que engadimos ás nosas entradas, facilitando o agrupamento dos contidos por temas.
  • Feeds: permite engadir ó noso blog información publicada noutras páxinas web, como xornais dixitais ou outros blogs. Esta práctica denomínase xenericamente como "sindicación de contidos" ou "sindicación web".
Existe unha infinidade de gadgets que podemos engadir o noso blog, e constantemente se están a publicar novos gadgets; estas ferramentas posibilitan, deste xeito, a "customización" do noso blog.

Sindicación de contidos

Os servizos de sindicación de contidos (RSS ou Atom) permiten a suscripción a novas publicadas noutras páxinas web (fundamentalmente xornais dixitais). Este servizo posibilita a publicación automática e actualizada de determinados tipos de noticias no noso blog.

Existen unha serie de iconas que nos indican que unha páxina web permite a sindicación de contidos:


O acceso ós contidos sindicados pódese facer dende programas específicos (RssReader e FeedReader) , páxinas web (Bloglines, Netvibes, Google Reader) ou incluso dende os navegadores de internet, pero tamén dende a nosa páxina web ou dende o noso blog.

Exemplo de sindicación de contidos no blog


Este blog está sindicado á sección de tecnoloxía do xornal EL PAÍS. A continuación indicarei os pasos seguidos para levar a cabo esta sindicación:

  • Accedemos ó xornal dixital, neste caso EL PAÍS.
  • Buscamos na páxina inicial do xornal a icona:

  • Unha vez pinchado nesta icona aparécenos unha lista dos canais RSS do xornal ós que nos podemos subscribir.
  • Se pinchamos no da sección Tecnoloxía (por exeplo) aparece a seguinte ventá:


  • Debemos copiar a "dirección URL para outros lectores" (aparece marcada na imaxe).
  • Por último, imos á pestaña de deseño do noso blog, pinchamos en engadir gadget e seleccionamos Feed. Finalmente pegamos a dirección URL do Feed (a que copiamos do xornal).

Actividade II: Gadgets/Sindicación de contidos

  • Insire os seguintes gadgets no teu blog: lista de blogs e etiquetas.
  • Suscríbete ás novas dun xornal dixital (ou outro tipo de páxina web) mediante a sindicación de contidos.

O Blog

Un blog é un sitio web que permite, a un ou varios autores, publicar periódicamente unha serie de contidos sobre os que os lectores poden opinar.

Os blogs son un exemplo típico de web 2.0 xa que, ademais de permitir o seguimento das publicacións, nos vai a posibilitar expresar a nosa opinión sobre as mesmas.

A versatilidade e facilidade de manexo dos blogs fai que na actualidade sexa un dos medios favoritos dos internautas para dar a coñecer os seus pensamentos e inquietudes e intercambiar opinións co resto da comunidade.

A publicación dos artigos dun blog faise por orde cronolóxica inversa, de feito que o último artigo publicado (o máis recente) aparece ó principio da páxina principal.

A temática dos blogs é moi variada e corresponde ó autor do mesmo o tema ou reflexións a tratar en cada momento, así como a posibilidade de eliminar (ou directamente non permitir) os comentarios que considere.

Existen numerosas ferramentas que nos permiten a creación dun blog na internet, unha das máis utilizadas é a ferramenta de google para o aloxameno e mantemento de blogs: Blogger. Para poder crear unha conta en blogger só é preciso ter unha conta de Gmail.



Tutorial de Blogger

A seguinte presentación explica a creación e posta en marcha dun blog en Blogger:

Tutorial de Blogger
View SlideShare presentation or Upload your own. (tags: web blogger)

Imaxes e vídeos nas entradas de Blogger

O editor de entradas de Blogger vainos permitir achegar imaxes e vídeos ás nosas publicacións (coa seguinte limitación: "AVI, MPEG, QuickTime, Real e Windows Media, e un tamaño máximo de 100 MB").

Outra posibilidade á hora de achegar vídeos é incluir directamente vídeos de Youtube. Para incluir este tipo de vídeos, debemos copiar da páxina de Youtube que mostra o vídeo que nos interesa o contido que aparece na pestaña insertar; a continuación pegaríamos estes caracteres no corpo da nosa publicación.

Velaquí un exemplo:
  • Esta é a información que tedes que copiar (lembrade que debe copiarse enteira)
  • Debedes pegar esta información na entrada que estades a facer quedando co seguinte aspecto:

  • O resultado será visible ó publicar a entrada.



Actividade I: Inserir imaxes e vídeos de Youtube

  • Introduce no teu blog unha imaxe e un vídeo de Youtube empregando o procedimento citado anteriormente.

POSTA EN MARCHA DO BLOG

Hoxe botamos a andar o blog no que trataremos principalmente o desenvolvemento, ó longo do presente curso, das materias INFORMÁTICA (4º ESO) e TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E A COMUNICACIÓN (1º BACHARELATO) no IES Canido de Ferrol.

Aínda que a temática principal do blog xirará en torno ás materias citadas anteriormente tamén haberá espazo para reflectir determinados aspectos da actividade diaria do centro como actividades, excursións, festexos, etc. Ademais, como o que subscribe tamén é o responsable de impartir CIENCIAS PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO (1º BACHARELATO), haberá un pequeno rincón no que comentar as diferentes novas no eido da ciencia que vaian xurdindo nos medios de comunicación.

Unha vez comentada a temática do blog chega o momento de presentarse, e a iso imos: o responsable deste blog é o profe das 3 materias citadas anteriormente, un profesor de bioloxía metido a informático ocasional. Chámome David e son un santiagués de 29 anos que dá clases no IES Canido de Ferrol; son profesor de secundaria da especialidade de bioloxía e xeoloxía pero, por "esas cousas" que ten o ensino, agora mesmo adícome fundamentalmente a impartir informática (campo no que me sinto bastante cómodo xa que o ordenador é unha ferramenta habitual no meu traballo diario dende hai moitos anos).

Tras esta breve introdución dase por inaugurado esta viaxe que espero chegue a bo porto.