1/12/08

Buscadores e Metabuscadores

Na actualidade, internet estase a converter no medio máis empregado na busca de información; esta utilidade da "rede de redes" ven dada pola facilidade de busca e polo aumento constante de sitios web e da súa diversidade temática (existen miles de millóns de páxinas web e ofrecen contidos tan diversos que é case imposible imaxinar algún tema do que non podamos atopar información nalgunha destas páxinas).

Buscar unha información concreta entre millóns de webs sería unha labor inútil de non existir un tipo de webs especializadas no rastrexo da internet, estas webs son os buscadores e metabuscadores.

Os buscadores son páxinas web que albergan unha aplicación informática que permite a busca de unha ou varias palabras clave na internet, amosando os resultados como unha listaxe das webs que mencionan temas relacionados coas palabras buscadas. Os sistemas empregados para a busca de información varía duns buscadores a outros e, polo tanto, os resultados obtidos tamén son diferentes.

Un dos buscadores máis empregados na actualidade é Google que, como moitos outros, amosa os resultados da busca por orde de importancia na internet; pero... como determina o buscador que unha páxina é máis importante que outra? A resposta non é simple; os buscadores empregan unha serie de algoritmos que permiten facer unha listaxe das webs relacionadas coa busca en función de distintas variables: a afinidade coa mesma (número de veces que aparece a palabra buscada na web), a relevancia que as páxinas web teñen na internet (en función do número de veces que son citadas por outras páxinas, en función du número de links que redirixen a esa páxina), a calidade dos contidos, etc.

O buscador Google é un dos máis potentes e coñecidos e, ademais, vainos permitir a busca de imaxes, vídeos e de novas na web.

Un buscador será máis eficaz cando os resultados que mostra se axustan máis ós intereses da persoa que está a buscar.

Outros buscadores moi empregados son Yahoo e Live Search.



A utilización dos buscadores é moi sinxela, só tes que introducir unha palabra clave que defina a túa busca. Se introduces dúas ou máis palabras o buscador amosará unha lista con webs nas que aparezan esta combinación de palabras. Se o que queres é buscar unha frase concreta debes delimitar a frase a buscar mediante comiñas; por exemplo: "informática no IES Canido".

Os Metabuscadores

Os metabuscadores son ferramentas que realizan a busca solicitada noutros buscadores, é dicir son "buscadores de buscadores". A lista de resultados que mostra sería unha recopilación das que se obterían individualmente en cada buscador que emprega.

Un exemplo de metabuscador é Dogpile, que emprega, entre outros, os buscadores: Google, Yahoo e Live Search.

No hay comentarios: