17/11/08

POSTA EN MARCHA DO BLOG

Hoxe botamos a andar o blog no que trataremos principalmente o desenvolvemento, ó longo do presente curso, das materias INFORMÁTICA (4º ESO) e TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E A COMUNICACIÓN (1º BACHARELATO) no IES Canido de Ferrol.

Aínda que a temática principal do blog xirará en torno ás materias citadas anteriormente tamén haberá espazo para reflectir determinados aspectos da actividade diaria do centro como actividades, excursións, festexos, etc. Ademais, como o que subscribe tamén é o responsable de impartir CIENCIAS PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO (1º BACHARELATO), haberá un pequeno rincón no que comentar as diferentes novas no eido da ciencia que vaian xurdindo nos medios de comunicación.

Unha vez comentada a temática do blog chega o momento de presentarse, e a iso imos: o responsable deste blog é o profe das 3 materias citadas anteriormente, un profesor de bioloxía metido a informático ocasional. Chámome David e son un santiagués de 29 anos que dá clases no IES Canido de Ferrol; son profesor de secundaria da especialidade de bioloxía e xeoloxía pero, por "esas cousas" que ten o ensino, agora mesmo adícome fundamentalmente a impartir informática (campo no que me sinto bastante cómodo xa que o ordenador é unha ferramenta habitual no meu traballo diario dende hai moitos anos).

Tras esta breve introdución dase por inaugurado esta viaxe que espero chegue a bo porto.

No hay comentarios: