Mostrando entradas con la etiqueta Vídeo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vídeo. Mostrar todas las entradas

1/6/09

Banca Online

Os trámites bancarios, ao igual que ocorre coa administración, supoñen invertir unha cantidade de tempo considerable en desprazamentos ata a nosa sucursal e en realizar diversas xestións. Esta situación agrávase no caso das pequenas empresas e autónomos que deben realizar este tipo de trámites a miúdo. Hoxe en día a maior parte das entidades bancarias dispoñen de páxinas web dende as que podemos acceder ás nosas contas e realizar calquer tipo de xestión. Este tipo de aplicación das TICs ó ámbito das finanzas é o que denominamos como banca online ou banca electrónica.

O acceso ós servizos de banca online depende da entidade bancaria. Para poder disfrutar destes debemos ter unha conta na entidade en cuestión e solicitar que nos den de alta nos mesmos. Normalmente, asignarannos un nome de usuario (pode ser o NIF, o número de conta ou outros) e un contrasinal. A partir dese momento xa poderemos acceder a diversas opcións como consultar as nosas contas, realizar transferencias, acceder a produtos bancarios como préstamos, etc.

Un dos maiores problemas ós que se enfrenta a banca online e garantir a seguridade dos seus usuarios polo que constantemente se incorporan novos sistemas de seguridade (algúns idénticos aos das tendas online) como sistemas de encriptación (contorno seguro SSL), confirmación das operacións mediante códigos que nos chegan vía sms ó móvil, a sinatura dixital (con DNIe, por exemplo), etc.

Tarxetas de prepago para a compra online

Un dos produtos máis destacados que ofrecen as entidades financieiras son as tarxetas prepago para efectuar compras por internet. O funcionamento destas tarxetas é moi simple: presentan os datos dunha tarxeta de crédito (número, data de caducidade, nome do titular, etc) pero funcionan como unha tarxeta prepago, de forma que o saldo da mesma sempre está a cero (aínda que se alguén coñeza os datos da nosa tarxeta non poderá mercar nada) ata que nos realizamos a carga do importe necesario para efectuar unha compra. Unha vez realizada a compra o saldo volve a quedar a cero de forma que ninguén pode obter un beneficio cos datos da nosa tarxeta. Este tipo de tarxetas están vinculadas a unha das nosas contas bancarias de forma que nos poidamos efectuar a carga/descarga da tarxeta dende un caixeiro ou dende casa (a través da banca online).


31/5/09

Comercio electrónico

A expansión das TIC na sociedade abriu unha nova vía comercial a través de internet que se materializa principalmente en dous tipos de actividades: o comercio electrónico e a banca online.
O comercio electrónico é o intercambio de produtos ou de servizos a través das tecnoloxías da información e a comunicación. De todas as actividades comerciais que engloba o comercio electrónico a máis popular é a compra por internet.
Aínda que o comercio electrónico é relativamente novo nos últimos anos está a experimentar un enorme crecemento. Como exeplo citar que durante o 2008 experimentou en España un aumento do 40% e que un 20% dos españois compran a través de internet.

Vantaxes que supón a compra online
  • Posibilidade de mercar produtos que non atopamos nas tendas próximas a onde vivimos.
  • Abaratamento do prezo debido á grande competencia existente no mercado online (e das tendas online coas físicas).
  • Posibilidade de comprar calquera día a calquera hora e de forma rápida e cómoda.
  • Máis facilidade á hora de comparar mercados.
Dende o punto de vista dos vendedores tamén existen moitas vantaxes:
  • Redución de custos (non se necesitan locais de atención o público nin tanto persoal).
  • Menos inversión para poñer en marcha un negocio e para publicitalo.
  • Redúcense os intermediarios entre o productor e o comprador.
  • As tendas online supoñen a posibilidade de chegar a miles de millóns de compradores polo que é unha alternativa/complemento á tenda física (moitas das tendas físicas teñen a súa tenda online para maximizar o número de clientes potenciais).
Desvantaxes das tendas online

A compra por internet presenta unha serie de desvantaxes relacionadas principalmete coa seguridade da compra e a confianza que transmiten aos compradores.
  • Se non coñecemos a identidade dos vendedores o noso grao de desconfianza aumentará. Cando a tenda online ten, tamén, tenda física, o feito de coñecer a tenda física aumenta a nosa confianza.
  • A forma de pagamento pode xerar dúbidas no comprador. O uso fraudulento que se pode facer dos nosos datos bancarios fai que certos métodos de pago xeren inseguridade.
  • Os prazos de entrega (entre 3-15 días normalmente) ás veces non son concretados polo vendedor ou incúmprense.
  • A garantía e o servizo postventa non sempre se indica con claridade. Este inconveniente pode ser maior si se realizan compras a tendas no estranxeiro.
  • Os compradores sóen ser reticentes a mercar un produto sen velo físicamente.
Métodos de pago en internet

A forma de realizar o pagamento é unha das características que maior desconfianza pode xerar no comprador. En primeiro lugar é fundamental coñecer as diferente formas de pagamento:
  • Contra reembolso. O comprador págalle á empresa encargada de realizar a entrega cando recibe o pedido.
  • Transferencia ou ingreso en conta. Previamente ó envío ingrésase o importe da compra nun número de conta do vendedor.
  • Tarxeta de crédito. O comprador debe facilitar os datos dunha tarxéta de crédito na que se cargará o importe. Existe unha alternativa que son as tarxetas de pago por internet emitidas polas entidades bancarias para facilitar o pago de forma segura (verémolas cando tratemos a banca online).
  • Entidades intermediarias. Son empresas que reciben o diñeiro do comprador e o fan chegar ó vendedor (previo cobro dunha pequena comisión a este último). A finalidade destas empresas e garantir a comprador e vendedor unha correcta transacción sen que o comprador lle teña que facilitar os datos bancarios a terceiros (o comprador crea unha conta neste tipo de empresas na que facilita os datos bancarios; cando vaia realizar unha compra nunha tenda onelin só ten que facilitar os seus datos da entidade intermediaria). A empresa intermediaria máis importante é PayPal (outras: clickandbuy, WorldPay, MoneyBookers, etc).

Consellos para comprar de forma segura
  • Antes de realizar un pedido localiza na páxina web información sobre a empresa xestora da tenda. Deben figurar os seguintes datos: nome ou razón social, dirección física da sede, teléfono e correo electrónico.
  • Busca en internet opinión doutros usuarios. Existen webs especializadas en opinión como ciao; outra fonte importante de información son os foros especializados. Lembra que non existe a tenda (nin física nin online) cun 100% de opinións favorables, pero no caso de que encontres moitas opinións (con coñecemento de causa) negativas, sospeita.
  • Asegúrate de que a web emprega sistemas de seguridade (pasarelas de pago, ferramentas de encriptación como VeriSign, etc) ou presentan certificacións de comercio seguro (confianzaonline, eurolabel, etc)
  • Elixe unha forma de pago que non implique riscos como contra reembolso ou mediante tarxeta especializada en compras por internet.



26/5/09

Administración Electrónica

Internet ofrécenos unha nova vía de comunicación coas administracións de xeito que podemos realizar moitos trámites e xestións directamente dende a nosa casa, aforrando tempo e desprazamentos. Cada día que pasa novos organismos ofrecen este tipo de servizos telemáticos aos cidadáns facilitando,por unha banda, as relacións coa administración e permitindo, por outra, desconxestionar as oficinas "físicas" de forma que os usuarios obteñan unha mellor atención.

O maior inconveniente ao que se enfrenta a administración á hora de incrementar os servizos online é a autentificación do usuario, de forma que non exista a posibilidade de usar fraudulentamente estes datos. Ata hai ben pouco a autentificación facíase únicamente introducindo os datos dun documento oficial (número do DNI, número da seguridade social, etc); na actualidade téndese a utilizar medios electrónicos que garantan que ninguén suplante a nosa identidade neste tipo de trámites.

A ferramenta elixida pola Administración Xeral do Estado para autentificar as xestións con organismos oficiais a través de internet foi o DNI electrónico (DNIe). O DNIe é un novo modelo de DNI que leva incorporado un chip no que se almacena información que identifica a cada cidadán de forma electrónica. Este novo documento é unha tarxeta de plástico na que figura impresa a información que tradicionalmente contiña o DNI e, a maiores, presenta integrado un circuito electrónico encargado do almacenamento e procesado de información. Dende o ano 2007 a toda persoa que acude a renovar o DNI se lle expide o novo documento electrónico (aos que non lle toque renovalo poden solicitar o DNIe nas oficinas da Policía Nacional).


O DNIe permite:
  • Acreditar electrónicamente a identidade dunha persoa.
  • Firmar dixitalmente documentos dixitais con plena validez xurídica (equivalente á firma manuscrita).
A medida que este documento electrónico se vaia implantando na sociedade (e nas administracións) poderémolo utilizar para:
  • Realizar todo tipo de trámites coa administración.
  • Facer transaccións bancarias e compras a través de internet de forma segura.
  • Acceso a edificios e instalacións nas que se requira a nosa identificación.
  • Etc.
Eu xa teño un DNIe, como o podo utilizar?

Unha vez que temos o DNIe (con microchip) para utilizalo necesitamos:
  • Solicitar un código PIN (este código pode solicitarse nas oficinas nas que se expide o DNIe)
  • Un ordenador persoal con conexión a internet (algúns caixeiros de bancos tamén permiten operar co DNIe)
  • Un lector de tarxetas intelixentes (smartcards) que cumpla co estándar ISO-7816 (coma as que teñen incorporadas os teclados dos ordenadores da aula de informática ou lectores de tarxetas intelixentes USB que venden en moitas tendas de informática [véxase como exemplo aquí]
  • Software axeitado para xestionar o DNIe (podémolo descargar aquí)


A día de hoxe, que trámites podo realizar co meu DNIe?


Cada vez son máis as xestións que se poden facer online empregando o DNIe como solicitar que che envíen as notificacións das multas de tráfico ao teu email, solicitar unha prestación por desemprego no INEM, reclamar unha indemnización, etc.

Para obter máis información sobre o DNIe e os servizos ós que podemos acceder utilizándoo visita a web www.dnielectronico.es.

Todos os trámites coa administración precisan do DNIe?

Non. É moi probable que moitos de vós solicitásedes algunha vez cita para o médico de cabeceira a través de internet ou que os vosos pais solicitasen o borrador da declaración de facenda vía web. Para realizar estes e moitos outros trámites non é necesario utilizar o DNIe senón que basta co número do DNI, da seguridade social ou outros datos para ter acceso. Esta situación mantense así porque moitos cidadáns aínda non dispoñen do DNIe (a súa implantación é relativamente recente) ou ben porque son trámites que non entrañan demasiado risco en casode suplantación de identidade. Esto non quita para que nuns anos a maior parte dos trámites (entrañen risco ou non) requiran a utilización do DNIe.


20/5/09

Pizarra dixital interactiva

A pizarra dixital interactiva (PDi) e unha ferramenta informática que permite utilizar unha pantalla de proxección dun videoproxector de forma interactiva, de modo que podemos actuar directamente sobre a imaxe proxectada mediante un lápiz eléctrónico (ou cos dedos se se trata dunha pizarra dixital táctil). Simplificando, a pizarra dixital permitiríanos utilizar a superficie de proxección de forma análoga á pantalla táctil dun ordenador.
Non debemos confundir a pizarra dixital coa pizarra dixital interactiva. Chamamos pizarra dixital á proxección dun canón de vídeo conectado a un ordenador sobre a que interactuamos á distacia por medio dun rato ou dun punteiro. A pizarra dixital interactiva supón actuar físicamente sobre a imaxe proxectada.

A maioría das PDi constan de:
  • Ordenador
  • Canón de vídeo
  • Pizarra con dispositivo de control do punteiro (tamén pode ser unha pizarra normal blanca sobre a que se coloca un periférico de control do punteiro). Este dispositivo permite enviar información ó ordenador da nosa interacción sobre a pantalla.
  • Software de control da PDi.
As PDi están chamadas a ser o dispositivo estrela das TIC aplicadas ao ensino nos vindeiros anos. Este tipo de dispositivos permitirá a alumnos e profesores traballar sobre material audiovisual almacenado no ordenador. Para poder sacar o máximo partido a esta ferramenta é necesario dispoñer dunha conexión de banda ancha para sacar o máximo rendemento dos contidos publicados en internet.





6/5/09

Editar vídeos en Youtube

A máis importante web de publicación de vídeos permítenos editar os vídeos que subimos de forma sinxela mediante unha ferramenta presente na propia web. Utilizando esta aplicación podemos remarcar unha zona concreta, introducir anotacións e subtítulos e insertar un vínculo dentro do propio vídeo (desta maneira logramos crear vídeos interactivos..

Pincha aquí para ver un exemplo práctico do que podemos facer co editor de youtube

No seguinte vídeo explícase como utilizar esta ferramenta: